28/11/09

O médico de urxencias que tamén fai teatro

17:00 h: Teño febre, creo que vou ir ao médico
Poño o meu abrigo, a bufanda e as miñas botiñas de "esquimal" como lle chamo eu (son tan quentiñas...)
17:40 h: Entro en Urxencias.
18:00h: Alguén di: Carla Capeáns
Digo eu para min: Esa son eu, non si?

E alí estaba el: o médico. As súas primeiras palabras foron: Gústache o teatro, Carla? Como o sabía? A miña cabeciña non enfiaba pensamentos...era a febre! El tamén estivera en Espacio Aberto, tamén gustaba do teatro. E parolamos... Unha conversa que xamais imaxinei ter con un médico: "O médico de urxencias que tamén fai teatro"

PD: Agora enténdoo, fixouse no broche do meu abrigo.
"Tes a Gripe, 4 días de repouso"

22/11/09

Teatro do Atlántico: O Xogo de Yalta. Afterplay de Brien Friel

O certo é que cando estaba a piques de entrar no teatro pensei: "seguro que teatro do Atlántico non decepciona". A cousa comezou ben. "Comezou ben?!?!?!?" Tampouco. Retraso seica por "motivos técnicos, problemas coa iluminación". Agora á impuntualidade dun actor chámanlle así.

Poñamos que comezou (nin ben nin mal). Parecía interesante... Imaxes que o propio espectador tiña que crear. Maxinar o que Dmitry Dmitrich dicía que acontecía ao outro lado da rúa: ese era o Xogo de Yalta.

Pero a cousa comezou a decaer: sobreafectación (que non sobreactuación) nas palabras e nos xestos de Anna Sergueyevna. Diálogo inexistente: excesivos monólogos. O espectador tiña que fiar a historia á súa maneira, como ben podía: cómpre darllo todo en bandexa ao público, que pense o imprescindible... O ritmo ía decaendo... e decaeu. A señora da terceira fila estaba a durmir... e a da quinta, e a da décima...

Con Afterplay a cuarta fila espertou. Aparecen en escea Sonia Serebriakowa e Andrei Prozorov. G. Uriarte parece gustarlle máis ao público. É certo, a min tamén me gustou, gustánme as "pequenas ficcións". Quinte minutos antes de rematar os persoaxes levantan o volume e o ritmo mellora. Mágoa que xa rematara, agora que ía polo bo camiño.

Todas estas anotacións do meu caderno poden ser froito dunha ignorante na materia... e é por iso polo que vos digo que non fagades moito caso das miñas ideas. Tan só fun unha espectadora. Conto o que vin.

Pero fóra desta valoración tan subxectiva, teño outra ben obxectiva: É ben sabido que os ruidos do patio de butacas durante unha actuación perturban a concentración de quen está enriba do escenario, non si? Os cambios de escenografía tamén forman parte do espectáculo, non son un punto a parte.

O espectador segue a ver "ás escuras" o que acontece. Vin cambios de escenario moito máis complexos que os de "O Xogo de Yalta. Afterpaly" e sen embargo eran SILENCIOSOS. Aínda que polas presas pode escapar algún que outro son... é imperdoable que ao saír de escea un persoaxe se oia a caída do vaso de plástico de turno.


E aquí dou as miñas felicitacións ao grupo de Teatro afeccionado da Escola de Teatro Municipal de Valga polos seus cambios silenciosos de escenografía e pola calidade de improvisación das actrices.

16/11/09

Gala Premio Cineuropa: Mabel Rivera


Chega a gala de entrega do primeiro dos Premios Cineuropa deste ano: o acto en homenaxe a Mabel Rivera, que presentará o actor Tamar Novas, contará cunha actuación musical e a proxección dos filmes Unha lousa sobre o Courel e O salario do silencio, con dirección e produción de Henrique Banet e Mabel Rivera.


Horario:
16 de novembro de 2009 21:00
Lugar:
Teatro Principal
Prezo:
Entrada gratuíta previa recollida da localidade na billeteira.

As Cuñadas, da Aula de Teatro da USC na programación web do Salón Teatro


O espectáculo As Cuñadas, da Aula de Teatro da USC xa se incorporou fai uns días á programación web do Salón Teatro-CDG. A Estrea terá lugar o día 16 de Decembro (faltando hoxe un mes) ás 21:00h no Salón Teatro de Santiago de Compostela.


07/11/09

III Mostra de Teatro Afeccionado de Ames

A mostra comezou onte ás 20:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro coa obra Traballo e Imaxinación que interpreta a Asociación Cultural Quemaisten Teatro, das Pontes. Xosé Bonome dirixe unha peza teatral composta por sete sketchs que ten como denominador común o traballo. Esta peza conta a historia duns traballadores que levan a súa profesión ao límite do absurdo. Finalmente, a falla de traballo é suplida polo humor e a imaxinación.

Traballo e imaxinación

Autor: José L. Prieto e Gustavo Pernas.
Director: Xosé Bonome

Reparto:
Anxeles Gabeiras
Olga Chamosa
Xosé Manuel Felpeto
Xosé Luis Fernández
Yolanda Lozano
Carmen Cabarcos
Xosé Fraga
Mª. Carmen Landazuri

O sábado ás 20:00 horas será a quenda para a Escola de Teatro Municipal de Valga, que interpretará a obra O testamento do Nacho na casa da Cultua de Bertamiráns. Trátase dunha comedia para todos os públicos O Testamento do Nacho é unha adaptación ao galego da obra de teatro El testament del Nasi, da escritora catalana Ángels Garriga.

A III Mostra de teatro afeccionado pecharase coa actuación dun grupo de Ames. O domingo ás 20:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro o Grupo Municipal do Milladoiro, interpretará unha comedia do absurdo para adultos titulada Cal é Valentín.

25/10/09

Manuel Lourenzo, Premio Álvaro Cunqueiro

Manuel Lourenzo gañou o premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais da Agadic coa obra 'Flores de Dunsinane'.
Parabéns!

Feira Galega das Artes Escénicas 2009

O venres 23 rematou a Feira Galega das Artes Escénicas 2009. Déixovos o cadro de actuacións das compañías.

Foron moitas os espectáculos presentados este ano na Feira das Artes Escénicas pero tan só puiden asistir ás funcións do Salón Teatro:


Autor: Eduardo Alonso
Dirección: Eduardo Alonso

Elenco: Xavier Estévez, Luma Gómez, Carlos Mosquera "Mos", Maxo Barjas, Monti Castiñeiras, Xan Casas, Christian Escuredo, Ramón Orencio, Fernando Tato, Fernando González, Brandán Lourenzo, Brais Morán, Julia Méndez, Julia Sánchez.

Nos últimos días de agosto de 1958, cando o xefe do Estado español, o ditador Francisco Franco, pasa os veráns no pazo de Meirás, transformando A Coruña na capital de España, nesta cidade agardan a que chegue a comitiva gobernamental para comezar a desplumar, en diversas partidas de cartas, os visitantes madrileños que acompañan ás autoridades. Tamén inaugurarán moitas entidades e, como di o seu alcalde, Alfonso Molina, no seu bando: "Os veciños deben estar preparados para engalanar os seus balcóns e galerías con colgaduras e magníficas iluminacións... Que a inmensa ledicia que sentimos ao vernos honrados coa presenza do primeiro español (refírese a Franco) saia de forma natural ao exterior demostrando como se lle quere na súa terra".
Wake Up
Nut Teatro

Autoría: Nut Teatro
Dirección: Carlos Neira

Música: Alain Baumann (Konic Thtr)
Elenco: Nerea Barros, Xiana Carracelas, Arantza Villar, Iria Sobrado, Carlos Neira

Con Wake Up a compañía Nut Teatro continúa a liña de traballo trazada nas súas anteriores propostas escénicas, onde apostaba por obras experimentais que combinaban fórmulas especificamente teatrais con outras máis próximas á arte realizativa ou de acción. O espectáculo reflexiona sobre a intimidade e as relacións xurdidas de novos modelos de convivencia que o devir dos tempos fixo aparecer: as camas quentes, expresión referida ao leito subarrendado a homes e mulleres.Cando se derruba a fachada dunha casa queda nas paredes unha pegada da vida vivida tras ela: pintura descascada, azulexos, papel de parede, vigas de madeira, limiares. Paredes que xa non resgardan nada, á intemperie, espazos abertos que manteñen anacos de materiais vellos, estruturas espidas.

A esmorga
Sarabela Teatro


Autor: Eduardo Blanco Amor
Dirección: Ánxeles Cuña Bóveda
Adaptación: Begoña Muñoz, Carlos Couceiro

Elenco: Fernando Dacosta, Suso Díaz, Josito Porto, Nate Borrajo, Rosa Álvarez, Elena Seijo, Sabela Gago, Fina Calleja, Tito Asorey

A esmorga é unha traxedia aceda e cruel de tres homes marxinais e marxinados que ao longo de vinte e catro horas deambulan polos arrabaldes de Auria -transfondo ficcional da cidade de Ourense-. Perseguidos pola Xustiza e baixo a choiva e o frío da noite, Cipriano Canedo, obreiro (O Cibrán ou O Castizo), Juan Fariña (O Bocas, O Alifante), sen oficio coñecido, e Eladio Vilarchao (O Milhomes, O Maricallas), xastre de profesión, atopan o seu desafogo no alcohol, no sexo e na violencia. A entrega aos praceres máis primarios, como fuxida á adversa realidade en que viven, lévaos á autodestrución.

18/10/09

"As Cuñadas": Primeira semana de ensaio

Mañá comezará a segunda semana de ensaio d' As Cuñadas (Michel Tremblay; versión libre de Roberto Salgueiro). Quedan horas de análise de personaxes, de vidas, de sentimentos...

Días de aprendizaxe
Días de ilusión
Días de TEATRO

11/10/09

AULA de TEATRO da USC: As Cuñadas de Michel Tremblay

A Aula de Teatro da USC poñerá en escena As Cuñadas de Michel Tremblay con adaptación e dirección de Roberto Salgueiro. Estaba de camiño a terras lucenses cando soa o teléfono móbil. Era Roberto Salgueiro: "estás no reparto do novo espectáculo da Aula de Teatro".

No mes de Decembro espero vervos a todos no Salón Teatro!!!!!

02/10/09

Os sons volven logo dun longo soño en Espacioaberto

Estes días estiven apartada do meu soño cibernético. Tiven a oportunidade de coñecer a Carlos Neira, a Antía Otero e a 13 soñadores nun curso organizado pola propia Escola de Teatro Espacio Aberto.
Dende aquí gustaríame desexarlle moita sorte neste mundo dos soños a Ana, Afonso, Alfonso, Cristina, Daniel, Emma, Eva, Federica, Lorena, Noa, Susana, Xi Bing e Yolanda.


Queda con isto: "Actuar" e "facer teatro" non son o mesmo; as "acción convírtense en accións físicas cando se dirixen a conseguir o obxetivo"; o "texto é un pretexto"; o "aquí e agora"...
* Fotografía tomada por Xi Bing Su

16/09/09

RESAD: Moita sorte, Camilo

Desde este recunchiño do escenario: Moita sorte (ou moita merda...como se di neste mundiño).

Camilo Regueiro, compañeiro de grupo de teatro, está preparando as probas para ingresar na RESAD (Escola Superior de Arte Dramático). Xa pasou a proba escrita de interpretación de texto e hoxe mesmo preparaba a maleta para voar a Madrid: nuns días fará a proba práctica.

Moita sorte, Camilo

11/09/09

O CDG producirá dentro dos prazos previstos o seu espectáculo "As Actas Escuras"


A web do Centro Dramático Galego anunciou no día de onte que finalmente producirá o espectáculo "As Actas Escuras" dentro dos prazos previstos.
Así, as 14 actrices e actores baixo a dirección de Xulio Lago, comezarán os ensaios no mes de novembro. Poderemos ver o novo traballo do CDG o 15 de Xaneiro en Santiago de Compostela.
Sabemos que entre o elenco poderemos atopar a:

* César Rodríguez "Goldi"
* X. Carlos Mejuto
* Teté García

10/09/09

Morriña: Lembremos tempos pasados

Hoxe chegou ás miñas mans o programa da VI Festa da Mocidade que organiza o Concello de Ames. A miña sorpresa foi atopar entre aquel amagallo de letras ao meu antigo intituto. Xuntei aquelas letras: "Representación do musical "...como a auga" dos mozos e mozas do IES de Ames (20.00h-20.30h)".

Si, estivera pendente das súas actuacións pero por unha cousa ou por outra non puiden asistir a ningunha. E tiña ganas, moitas ganas.
Alí comecei a aprender o pouquiño que sei do teatro. Lembrarei con agarimo os ensaios de "Os vellos non deben de namorarse"... os sorrisos e os choros de "A Casa de Bernarda Alba". Estareille eternamente agradecida ao Instituto de Ames e sobre todo a Susa Lopo: graciñas por ensinarme o que sei.
Representación de A Casa de Bernarda Alba

09/09/09

Pero...isto que é? O Conselleiro suspende a producción de "As actas escuras" do CDG

Estes días estiven afastada destes "Sons dun soño" por mor dos estudos. Pero hoxe non puiden esperar...tiña que escribri aquí e informarvos do seguinte:

A Consellería de Cultura e Turismo suspendeu a que ía ser a próxima producción do CDG "As actas escuras" que xa iniciara o periodo de pre-producción e seleccionara ao elenco.

Na páxina web da AAAG podedes ler a carta que a directiva desta asociación lle fixo chegar ao conselleiro de Cultura Roberto Varela.
Tan só unha cousiña: O teatro pode ser divertimento e drama ao mesmo tempo. Un pode xogar cos pesonaxes, co escenario, con cada movemento...
Pero ollo, co TEATRO NON SE XOGA!

02/09/09

V Festival de Teatro Galego do Carballiño


Luns 7/09/09
“LAGARTA LAGARTA” coa obra: O SEGREDO DOS HOFFMAN

Martes 8/09/09
“CHÉVERE” coa obra: TESTOSTERONA

Mércores 9/09/09
“TEATRO NU” coa obra: COA PALABRA NA LINGUA

Xoves 10/09/09
“TEATRO DE NINGURES” coa obra: ATRABILIS

Venres 11/09/09
GALA ENTREGA DE PREMIOS FETEGA na Praza das Monxas con “San & San” e o cantautor “Roberto Sobrado”

* Horario das actuacións: ás 22:30 h

* Obradoiro de improvisación
Impartido por Mariana Carballal
Do 7 ao 10 de Setembro no Centro Multifuncional do Carballiño dentro do Festival de Teatro
Galego do Carballiño (FETEGA). A duración será de 16 horas en horario de mañá de 10.00h a 14.00 h. Organiza.AAAG

*Espectáculo de rúa
Todos os días pola Compañía Zancalino
Obradoiro de iniciacion de manexo de zancos impartido pola compañía zancalino produs s.l.
Hora: 19:00 os días 7,8,9, e 10

01/09/09

Volve Setembro e volven os obradoiros culturais ao Concello de Ames

Como amiense ou amesá (xentilicio oficial) que son véxome na obriga de informarvos dos obradoiros culturais que o Concello de Ames nos propón para este curso 2009-2010. Aínda que son moitos só me deterei no obradoiro de teatro.

Obradoiro de Teatro no Concello de Ames

En Bertamiráns
- Idades: de 8 a 16 anos
- Nº de prazas: 12
- Horario: Luns de 19:30 a 21:00h
- Lugar: Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns

En Milladoiro
- Idades: de 8 a 16 anos
- Nº de prazas: 12
- Horarios: Martes de 19:30 a 21:00h
- Lugar: Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro

Prezos
* Menores de 18 anos: 32€
- 2º membro menor de 18 anos: 16€
- 3º e restantes membros menores de 18 anos: 8€
* Maiores de 18 anos: 40€

Blog Widget by LinkWithin